Desde o inicio da crise económica, a CNT defendeu a folga xeral como principal ferramenta da clase traballadora contra os ataques da banca e a patronal. Rexeitamos a negociación á que o sindicalismo de concertación chamaba ao goberno para suavizar a reforma laboral tras a folga xeral do 29M.
Do mesmo xeito rexeitamos as formulacións do chamado cume social, de eliminar só os excesos máis flagrantes do goberno do PP, mantendo o núcleo do sistema económico e político que nos colocou nesta situación, así como os seus intentos de desviar e dilatar a resposta social con propostas inútiles como a esixencia dun referendum. A dura situación social esixe unha resposta contundente, crecente e continuada que rompa ataduras co armazón político e económico que a orixinou e da que se beneficia e as complicidades co mesmo.
Tras meses de dúbidas, CCOO e UXT convocarán folga xeral o 14N, arrastrados, dun lado, polo malestar social crecente e a mobilización na rúa e, doutro, polas continuas medidas antiobreiras dun goberno ao servizo de elites financeiras e patronais sen intención algunha de ceder migallas que permitan ao sindicalismo institucional xustificar o seu papel. CNT acordou convocar folga xeral o próximo 14 de novembro, e farémolo de forma diferenciada e coas nosas propias reivindicacións e formulacións. Dicimos que esta folga é necesaria pero non suficiente e chamamos a levala máis aló do guión esteril e frustrante ao que nos ten afeito o sindicalismo institucional.